SOBRE O CONVENIO DA UDC COA «FUNDACIÓN ALCOA»

Recentemente tivemos noticia da Universidade da Coruña estar a colaborar coa Fundación Alcoa no chamando proxecto “A Mariña Sustentable UDC”. É mediante colaboracións dete tipo, con institucións académicas e científicas con o recoñecemento e crédito público, que empresas como Alcoa procuran convencer ó público do seu compromiso ambiental, no entanto manteñen as mesmas práticas produtivas e socioeconómicas notoriamente insustentábeis.

Entendemos, por tanto, que con esta asociación promovida desde Oficiña de Sustentabilidade a UDC malbarta e estraga o nome da Universidade Pública e perxudican á sociedade, amosando unha irresponsábel complicidade no ocultamento das enormes afeccións ambientais que a actividade de Alcoa xera en toda a comarca da Mariña luguesa, e alén, con herdanzas irreparáveis e cargas ambientais que serán pagas polas xeracións a vir.

Os beneficios de Alcoa se sustentan na depredación de recursos naturais a escala global, a alienación das comunidades e a corrupción e a permanente extorsión institucional. Os recursos naturais que trouxeran Alcoa para a Mariña foran a man de obra barata galega, a enerxía altamente contaminante procedente das Pontes, e a propia terra e a auga do país, directamente expropiadas ou estragadas pola contaminación.

E xunto o estrago natural temos a fonda alienación das propias comunidades, transformadas nas mudanzas que lles foran impostas e sobre as que carecían de calquera control. A implantación de Alcoa na Mariña foi planeada conforme ás diretrices do desenvolvismo do final do franquismo, e decidida malia a enorme oposición social para construir nunha economía absolutamente dependizada e adicta.

E por último, a corrupción ambiental e social ven sempre acompañada de custes institucionais, que apenas nos últimos anos suman miles de millóns de subvencións e axudas públicas entregadas á empresa para manter ese sistema socioeconómico totalmente dependizado mais, de certo, insostíbel.

E non falaremos aquí dos custes ambientais, sociais e económicos das actividades da extracción da bauxita que para transformar en Lugo se trae das minas de Alcoa na Guinea, un país subdesenvolvido que nos últimos 45 anos aínda piorou severamente a sua posición relativa no Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Mesmo ollando unicamente para a chamada ‘balsa de lodos vermelhos’ de Alcoa en Xove, fica ben claro que Alcoa é todo o contrario dunha empresa sustentábel. Este xigantesco vertedeiro de residuos perigosos HP4, HP5, HP7 e FP8, é xa a segunda maior balsa mineira do Estado español e a hipoteca ambiental máis evidente de Alcoa na Mariña. Este depósito de mais de corenta millóns de metros cúbicos de residuos está a causar recorrentes eventos de contaminación das augas, solos e ár, eventos que a propia empresa recoñece públicamente non poder impedir no entanto proxecta aínda ampliar o vertedeiro.

Alcoa mantén unha sistemática política de negación de responsabilidades e ocultamento da realidade, contando para isto coa irresponsábel e vergoñenta colaboración do goberno galego, e agora, para mais escarnio, tamén dunha das tres universidades públicas galegas.

En definitiva, o vertedeiro de residuos de Alcoa en Xove é causa de graves afeccións sobre o medio natural, os cultivos, o gando e a saúde pública da poboación da Mariña e dos traballadores da empresa, e todos estes feitos están sendo repetidamente denunciados por esta asociación e agora tamén polos veciños, e son causa de investigacions xudiciais e policiais abertas na actualidade por delitos contra o medio ambiente, investigacións que se suman a outras causas xudiciais contra Alcoa polos danos causados, e contra a Xunta de Galicia polo desleixo nas súas responsabilidades e inacción na debida inspección e control ambiental sobre a empresa.

Por todo iso, dende EGAV denunciamos esta ‘colaboración’ da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade con Alcoa, por ser totalente inapropiada e polo grave dano que fai a unha institución pública de referencia na Galiza, institución da que a tal Vicerreitoría e a Oficiña de Sustentabilidade non son apenas rexedores e administradores, mais tamén responsabeis.

E por tanto, solicitamos que a UDC desfaga ese acordo de colaboración e públicamente rexeite ser parte da campaña de greenwashig de Alcoa.

Tamén informamos que inmediatamente iniciamos unha campaña de conscientizaciación entre profesores e alumnos da UDC para que denuncien este e outros casos similares de ‘convenios de colaboración’ con empresas que realmente agochan prácticas de greenwashing e marketing enganoso.

Comparte
, , ,