Sarria Aire Limpo chama á veciñanza a asistir ao pleno para pedir explicacións pola licenza concedida a Votorantim. A Plataforma Sarria Aire Limpo fai un chamamento á veciñanza para asistir ao pleno municipal que se celebrará o xoves 30 de Julio ás 19.00 horas, no que solicitará explicacións pola concesión da licenza urbanística a Votorantim Cimentos.
A Plataforma denuncia que o Concello outorgou a licenza sen contar coa autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un requisito esixido pola Lei de Augas, pola Lei do Solo e polos propios informes emitidos pola Confederación. Considera que este feito merece unha explicación pública e que a cidadanía debe coñecer os motivos polos que se adoptou esta decisión.
Sarria Aire Limpo tamén cuestiona a falta de transparencia na tramitación, xa que a orde do día da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a licenza non foi publicada na web municipal, ao contrario do que acontece co resto das sesións.
A Plataforma denuncia ademais un trato desigual entre a veciñanza e unha gran multinacional, lembrando que moitos particulares agardan anos por unha licenza mentres este expediente foi resolto en poucas semanas.
Por todo iso, Sarria Aire Limpo considera fundamental a asistencia da cidadanía ao pleno para reclamar transparencia, igualdade ante a lei e o cumprimento estrito da legalidade nas decisións do Concello.
Actualización de la petición en change.org:
https://www.change.org/p/no-a-la-planta-de-generaci%C3%B3n-de-combustible-a-partir-de-residuos-que-incinerar%C3%A1n-en-oural/u/35031742?recently_edited=true

