EGAV pide revisar a declaración de emerxencia cinexética polo xabaril que abrangue toda Galicia

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) presentou ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural un escrito no que solicita a revisión técnica e xurídica das resolucións que declaran a emerxencia cinexética temporal polos danos ocasionados polo xabaril nas catro provincias galegas. O escrito foi rexistrado o 30 de agosto de 2026.

As resolucións, publicadas no DOG o 30 de xullo, están vixentes desde o 31 de xullo de 2026 ata o 31 de xullo de 2027 e, por primeira vez, fan que este instrumento extraordinario se estenda á totalidade de Galicia. Durante este período autorízanse actuacións extraordinarias sobre o xabaril e amplíanse os períodos e medios de actuación respecto da actividade cinexética ordinaria.

EGAV considera que unha medida desta extensión territorial e duración debe contar cunha xustificación científica e territorial suficientemente detallada. Entre outras cuestións, a asociación reclama coñecer os datos por comarca que sustentan a declaración, os indicadores e limiares empregados para considerar que existe unha emerxencia e os criterios que permitirían determinar cando esa situación deixa de existir.

O escrito tamén pide transparencia sobre a estimación difundida pola Xunta de máis de 82.000 xabarís en Galicia, reclamando o acceso á metodoloxía, datos brutos, modelos estatísticos, esforzo cinexético, marxes de incerteza e sistemas de validación utilizados para chegar a esa cifra.

EGAV lembra ademais que as declaracións de emerxencia veñen repetíndose desde 2019 e que o seu ámbito territorial foi ampliándose progresivamente ata abranguer en 2026 toda Galicia. Segundo os datos recollidos no escrito, nas últimas campañas mantivéronse cifras próximas aos 18.000-19.000 xabarís capturados ao ano, mentres que os avisos por danos pasaron de 4.048 na tempada 2022-2023 a 4.269 na 2024-2025. Para a asociación, estes datos fan necesario avaliar de maneira rigorosa a eficacia real das medidas aplicadas.

O documento incorpora tamén referencias científicas sobre os posibles efectos dunha elevada presión cinexética na reprodución, estrutura social e movementos dos xabarís, e reclama que se avalíen igualmente medidas preventivas e non letais, os posibles efectos sobre a Rede Natura 2000, a seguridade doutros usuarios do medio rural e os riscos sanitarios.

Entre as peticións presentadas, EGAV solicita que se deixen sen efecto ou, subsidiariamente, se suspendan as medidas extraordinarias de abatemento e as batidas mentres non quede acreditada con datos científicos e territorializados a súa necesidade, idoneidade, proporcionalidade e eficacia. A asociación reclama tamén a elaboración dun Plan Galego de Xestión e Coexistencia co Xabaril, plurianual, público, territorializado e baseado na evidencia científica, con participación da comunidade científica, organizacións ambientais, sector agrario e gandeiro, persoal veterinario, administracións locais e outros sectores implicados.

Comparte
, , , ,