Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) presentou o pasado 14 de setembro de 2026 unha denuncia ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Saúde Pública pola situación observada no encoro de Portodemouros e nos cursos fluviais que desembocan nel.
A actuación da asociación produciuse despois de recibir avisos de veciñanza da contorna sobre a intensa coloración verdosa da auga na cola do encoro. O 10 de setembro, membros de EGAV desprazáronse a distintos puntos das ribeiras dos ríos Ulla e Furelos para comprobar sobre o terreo a situación. Durante a inspección non se apreciaron, a primeira vista, verteduras incontroladas, aínda que se constatou un caudal moi baixo en ambos os ríos. A asociación tamén documentou o que identifica como restos de antigos escapes na canalización exterior de augas residuais da EDAR de Melide.
A situación máis preocupante foi observada na cola do encoro de Portodemouros, á altura da ponte sobre o río Ulla situada nas proximidades de Aldea de Abaixo, no concello de Agolada, e Sestelo, en Santiso. Segundo recolle a denuncia, a auga presentaba unha cor verde intensa, que a asociación considera indicativa dun importante proceso de eutrofización. A documentación presentada incorpora fotografías tomadas na zona que amosan esta coloración da lámina de auga.
EGAV tamén puxo en coñecemento da Administración as súas dúbidas sobre os datos ofrecidos pola Rede Foronómica de MeteoGalicia. No caso da estación Ulla-Santiso, a asociación sinala que os valores publicados non parecían corresponderse co nivel de auga observado directamente no río, polo que solicita que se comprobe o correcto funcionamento e localización dos sistemas de medición.






Ante esta situación, a asociación reclama ás administracións competentes que abran un expediente de investigación sobre o estado dos ríos que verten ao encoro, realicen con urxencia as inspeccións e análises necesarias para determinar a calidade da auga e, en particular, os niveis de nitratos, e comproben o funcionamento dos dispositivos de medición da rede foronómica. Tamén solicita verificar que o encoro estea evacuando, cando menos, o caudal ecolóxico mínimo establecido.
EGAV pide igualmente que, se das investigacións se derivan incumprimentos, se adopten as medidas correctoras e sancionadoras que correspondan, e solicita ser recoñecida como parte interesada no expediente para poder acceder á información que se vaia xerando sobre este asunto.
A asociación considera imprescindible esclarecer as causas da situación observada no encoro e nos seus tributarios, determinar mediante análises o estado real das masas de auga e adoptar as medidas necesarias para evitar unha maior deterioración do ecosistema fluvial. A propia Lei 9/2010, de augas de Galicia, establece entre os seus obxectivos ambientais a prevención da deterioración das masas de auga e, cando proceda, a súa restauración para acadar un bo estado ecolóxico.

