Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde

Medio ambiente e xustiza social

EGAV alerta dos episodios de contaminación do río Tea ante a celebración dun campionato galego de piragüismo en Mondariz

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde solicitou análises urxentes da calidade das augas e medidas preventivas antes do Campionato Galego de Promoción de Slalom, previsto para este domingo 11 de outubro na praia fluvial do Val.

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) alerta dos episodios de contaminación fecal rexistrados no río Tea ao seu paso por Mondariz e Mondariz-Balneario, ante a celebración este domingo do Campionato Galego de Promoción de Slalom 2026, incluído no calendario da Federación Galega de Piragüismo.

Segundo os datos recollidos pola asociación, o punto de control do Val acumula durante 2026 sete superacións do valor de referencia de Escherichia coli e dúas de enterococos intestinais. As análises de setembro citadas pola entidade rexistraron concentracións superiores aos 2.000 NMP/100 ml, mentres que desde o 22 de setembro non constan novos resultados publicados que permitan coñecer a situación actual das augas.

Ante estes antecedentes, EGAV presentou o pasado 9 de outubro solicitudes ante a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o SERGAS, Augas de Galicia e o Concello de Mondariz-Balneario, reclamando análises urxentes antes da competición, a publicación dos resultados e a adopción das medidas preventivas que correspondan. A entidade tamén preparou escritos dirixidos ao Concello de Mondariz e ao SEPRONA de Ponteareas.

Segundo a información trasladada á asociación, o SEPRONA realizou comprobacións relacionadas con posibles verteduras contaminantes e elaborou un informe, que tería sido remitido á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Xunta de Galicia.

EGAV considera preocupante que se celebre unha competición deportiva nun tramo fluvial con antecedentes recentes de contaminación fecal sen dispoñer de información actualizada sobre a calidade da auga. A asociación aclara que a súa denuncia non vai contra o piragüismo nin contra os participantes, senón que busca garantir a protección da súa saúde.

A entidade reclama unha actuación urxente das administracións e lembra que o río Tea forma parte da Rede Natura 2000, polo que resulta imprescindible investigar as posibles fontes de contaminación, eliminar as verteduras e garantir un seguimento continuado da calidade das augas.

A protección da saúde das persoas e a conservación do río Tea deben estar por diante de calquera actividade, por importante que sexa.

Comparte
,

Unha resposta a «EGAV alerta dos episodios de contaminación do río Tea ante a celebración dun campionato galego de piragüismo en Mondariz»

  1. what is iphone duo