Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde vén de responder ao trámite de consulta relativo ao parque eólico Ferromolín, de 27 MW, e á súa infraestrutura de evacuación, dentro do expediente PEol-1023. A asociación remitiu as súas consideracións tanto á Dependencia da Área de Industria e Enerxía da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que actúa neste procedemento sobre a provincia de Ourense, como á Subdelegación do Goberno en León.
O proxecto, promovido por Promoción Eólica Peninsular V, S.L., prevé a súa implantación nos termos municipais de Vilamartín de Valdeorras e O Barco de Valdeorras, na provincia de Ourense, e Oencia, na provincia de León. Actualmente está sometido a información pública a solicitude de Autorización Administrativa Previa e o Estudo de Impacto Ambiental, segundo o anuncio publicado no BOE do 21 de setembro de 2026.
Na resposta presentada, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde formula numerosas consideracións ambientais e territoriais sobre o proxecto. Entre elas, destaca que a zona prevista para a implantación do parque foi gravemente afectada polos incendios forestais de agosto de 2025 e cuestiona a validez dalgúns dos traballos de campo realizados para o Estudo de Impacto Ambiental tras eses incendios.
A documentación tamén sinala a proximidade do proxecto a varios espazos da Rede Natura 2000, entre eles Riberas del Río Sil y afluentes, Os Ancares-O Courel, Macizo Central e Serra da Enciña da Lastra, así como a afección a zonas de interese para mamíferos, áreas vinculadas á conservación de fauna e corredores ecolóxicos.
Ademais da contestación formal á consulta, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde pon a disposición da cidadanía un modelo de alegacións curtas, para facilitar que calquera persoa interesada poida participar no procedemento de información pública.
O modelo recolle, entre outras cuestións, as afeccións sobre espazos naturais protexidos e hábitats de interese comunitario, fauna, patrimonio cultural, paisaxe e diferentes itinerarios e elementos territoriais da contorna. Alegacións curtas Pontevedra Alegacións curtas Pontevedra
Na parte final do escrito solicítase que se denegue a Autorización Administrativa Previa e se emita unha Declaración de Impacto Ambiental desfavorable para o parque eólico Ferromolín e as súas infraestruturas de evacuación.
Descargar modelo de alegación
Prazo para presentar alegacións: ata o 3 de novembro de 2026, incluído.

