En Mondariz descubrimos algo inédito: un cartel sobre a calidade da auga que non asina ninguén.
Este verán, a estación do Val do río Tea rexistrou sete superacións do límite de E. coli e dúas de enterococos, varias delas co aviso oficial de «recoméndase non bañarse». Desde o 3 de agosto, un usuario habitual do río presentou escritos ante os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario. A Valedora do Pobo admitiu a queixa e deulles 15 días para informar. Ese prazo pasou. De resposta, nada que conste.

E a sinalización? O 19 de setembro había un cartel que citaba o Real decreto 1341/2007 e recomendaba non bañarse por contaminación temporal con enterococos e E. coli. Citaba a lei, pero non dicía quen o colocaba. Estaba no mesmo taboleiro ca un cartel municipal de «xerontospinning» (pedaleo suave para persoas maiores), que si levaba escudo, teléfono, correo electrónico e web. Para pedalear sentado hai datos de contacto; para saber se o río é seguro, non.

Despois, na véspera da competición do 11 de outubro, ese aviso foi substituído por outro: «Augas de baño de calidade boa», dúas estrelas. Tampouco di quen o coloca, de que ano é a clasificación nin onde consultar os datos. Quen o colgou? Misterio digno de Halloween. Un parte meteorolóxico asinado por «un amigo» daría máis garantías.

Sexamos xustos: as dúas últimas lecturas publicadas (20 e 22 de setembro) estaban dentro dos límites. Pero o río pasou de máis de 2.005 a 75 en cinco días, e desde o 22 de setembro non hai datos novos. A tempada oficial de baño rematou o 30 de setembro; o río, polo visto, non se decatou.
O venres 9 de outubro avisamos por escrito a varias administracións de que se ía celebrar unha competición na auga sen datos recentes. Cun só día hábil de marxe non agardabamos milagres; si unha resposta. A competición celebrouse o domingo 11.

Sanidade mide, os concellos sinalizan, a Confederación Hidrográfica vixía as verteduras. Tres administracións, un río e ningunha resposta por escrito. A Confederación tomou mostras o 16 de setembro; seguimos á espera do resultado.
Non é un capricho burocrático. A sinatura, a data e a fonte son o que permite a unha veciña saber se pode fiarse do que le. Se falla o máis básico, que podemos agardar do complexo? Hai apenas unha semana denunciamos arrastres de lodos vermellos da balsa de Alcoa en Lugo (a empresa atribúeo a unha reixa obstruída), e por todo o rural tramítanse proxectos eólicos e liñas eléctricas. Desde EGAV pedimos que o principio de precaución se aplique antes de autorizar, non despois de que algo falle.
Pedimos catro cousas sinxelas:
- Información oficial con sinatura, data e fonte.
- Un protocolo de aviso ao público fóra da tempada.
- O resultado das mostras do 16 de setembro e novas mostraxes.
- Que se responda aos escritos presentados.
É o mínimo. E un cartel con sinatura custa menos ca unha fotocopia.
