Denuncia polo estado do río Pontiñas

Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde presentou o 11 de agosto unha denuncia ante o SEPRONA, o Concello de Lalín, Augas de Galicia e as direccións xerais de Saúde Pública e de Calidade Ambiental, polo estado do río Pontiñas ao seu paso polo paseo fluvial de Lalín, cun alto grao de eutrofización, acompañado de fortes cheiros que poderían indicar verteduras con elevadas concentracións de nitratos e fosfatos, e pide que se investigue a orixe do problema.


Non é un caso illado no sistema fluvial Ulla-Deza: o río Furelos (Melide), con prohibición permanente de baño; a praia fluvial de Vilatuxe (Lalín), afectada por bacterias enterococos; e o encoro de Portodemouros (Brocos, Agolada), en alerta 2 por cianobacterias, en idéntica situación que o encoro das Conchas.
A contaminación do encoro das Conchas motivou que a Xunta e a CHMS foran condenadas por vulnerar dereitos fundamentais da veciñanza ao permitir a saturación gandeira na comarca da Limia, polo que a elevada presión da gandería porcina intensiva na comarca do Deza (cunha media de nove porcos por habitante, que chega aos 70 en Dozón) tamén é un factor a ter en conta.
E o risco non se limita aos espazos de lecer, tamén ameaza a auga de consumo en pozos e fontes rurais, incrementando o risco de cancro colorrectal pola exposición a nitratos por riba dos niveis recomendados.


EGAV reclama unha investigación urxente e unha moratoria para novas explotacións gandeiras intensivas en toda Galicia.
Agradecemos a RNE(a partir do min 5), Ecos da Comarca, Tercera Información, Galicia Xa, Xornal Galicia, Faro de Vigo e La Voz de Galicia a súa colaboración na difusión da denuncia e da situación crítica das masas de auga da Terra do Medio.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio