O autoengano das estatísticas en San Xoán Coruña 2026

https://www.youtube.com/@Ecoloxistas/playlists

Celebrar que este ano se recolleron 22 toneladas de lixo en lugar de 44 é un exercicio de conformismo. Para os balances oficiais do Concello é un éxito estatístico, pero para calquera que pisase a zona ao amencer, a realidade material seguía sendo a dun espazo público cuberto de residuos e marcado polo mal cheiro. Reducir a sucidade á metade non converte unha festa masiva nun modelo sostible.

O verdadeiro impacto ambiental xa non é cuantitativo, senón xeográfico e químico. Ás 5.30 da mañá, a intervención na praia foi puramente simbólica: apenas tres ou catro membros do noso colectivo, xunto a unha veciña anónima equipada cunha luva e unha bolsa, recollendo envases na liña da beira. O xesto era unha carreira contrarreloxo fronte ao mar, xa que o movemento da auga nas horas de cambio de marea arrastra de inmediato os plásticos lixeiros cara ao mar aberto antes de que os servizos municipais poidan entrar ao areal. Ese residuo que escapa fragméntase en microplásticos imposibles de recuperar. Os escasos grupos que recolleron os seus desperdicios foron unha excepción tan anecdótica que só poñía de relevo a falta de hábitos cívicos da masa restante.

A isto súmase a impunidade nas fogueiras. Permitir a queima puntual de mobiliario de plástico, como algunhas mesas e cadeiras, liberou fumes tóxicos e incumpriu o Bando Municipal e a Lei de Residuos. Amparar a degradación ambiental baixo o selo de “festa cultural” é unha contradición. O obxectivo dunha xestión pública non pode ser limpar máis rápido ou maquillar as cifras, senón evitar a vertedura.

O obxectivo dunha xestión pública non pode ser limpar máis rápido ou maquillar as cifras, senón evitar a vertedura.


Ao queimar estes obxectos na fogueira, a matriz de plástico ou resina destrúese por combustión, pero os metais pesados non desaparecen co lume.

Os metais pesados fíxanse con ligazóns químicas na superficie dos grans de area. A area fina contaminada a nivel molecular queda na praia.

A combustión de mobiliario urbano de polímeros (como polietileno ou PVC) libera metais pesados que actúan como estabilizadores e pigmentos, tales como o chumbo (Pb), cadmio (Cd) e zinc (Zn).

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario

Scroll ao inicio