Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde

Medio ambiente e xustiza social

As filtracións no dique de cola de Alcoa continúan activas desde o 4 de outubro

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde reclama que se esclareza con urxencia a orixe das augas de cor vermella que continúan saíndo na contorna da balsa de residuos de Alcoa en Xove

Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde (EGAV) alerta de que as filtracións detectadas na zona do dique de cola da balsa de residuos de Alcoa continúan este 6 de outubro, despois de seren observadas e comunicadas ás autoridades xa o pasado día 4.

A asociación documentou mediante fotografías e vídeos a presenza de augas de cor vermella e escorrentías na contorna da balsa, tanto na zona norte, no denominado dique de cola, como noutros puntos próximos ás instalacións. Segundo se recolle na denuncia presentada, parte destas augas discorrían polos terreos e alcanzaban zonas próximas de Morás e Lago.

Os feitos foron comunicados desde o primeiro momento ao 112 e ao SEPRONA, e posteriormente formalizouse unha denuncia acompañada de material gráfico. Este mércores volveuse contactar co SEPRONA para informar de que a situación continúa activa.

Desde EGAV consideramos especialmente preocupante a duración deste episodio. En marzo deste mesmo ano xa fora denunciada outra filtración na zona do dique principal que, segundo a información recollida pola asociación, cesou tras a intervención de maquinaria. Nesta ocasión, porén, as filtracións levan varios días manténdose visibles.

A entidade reclama que as administracións competentes e a empresa aclarren de maneira inmediata a orixe destas augas, determinen a súa composición e avalíen as posibles afeccións sobre os solos e as augas da contorna.

EGAV insiste tamén na necesidade de comprobar o estado da infraestrutura e de adoptar as medidas necesarias para impedir que as filtracións continúen, así como de incorporar este novo episodio ás investigacións e procedementos relacionados coa balsa de residuos e co proxecto para a súa ampliación.

Mentres non exista unha explicación oficial, non podemos determinar o alcance nin as consecuencias deste episodio. O que si podemos constatar é que a saída de augas de cor vermella continúa varios días despois de ser detectada e comunicada ás autoridades.

Comparte
, ,